Hoxe celebramos o Día do Libro

Categoría: Nova

Hoxe celébrase o Día do Libro. E a pesar do difícil que é fuxir dos tópicos cando de datas tan sinaladas falamos, convén repetir algunhas verdades nas que cremos como unha fe rotunda na palabra.

En primeiro lugar na palabra galega, nos libros feitos en Galicia e en galego. Libros para construír un país e para construírmonos como persoas. Porque estamos convencidos de que dar libros é alimentar a alma, e que por iso todo o mundo debería de dispoñer da posibilidade de ter ese alimento sempre preto das mans e do corazón para comer a eito. Velaí as librerías, as bibliotecas, os contacontos, os obradoiros literarios. A fe na palabra.

En segundo lugar a nosa fe na sociedade galega, convencidos de que só desde actitudes positivas e de optimismo e de traballo seguirá apostando por unha literatura de seu, por un mundo literario propio. Neste intre gozamos, e non hai moitos argumentos para discutir esta afirmación, cunha literatura poderosa que nada ten que envexar ao resto das literaturas do noso contorno cultural. Apoiar aos creadores galegos é tamén un exercicio de fe na palabra.

E en terceiro lugar, a nosa fe nese obxecto fermoso que é o libro, contedor de historias, recipiente de verbas, semente de proxectos, campo fértil para a reflexión… o pan tamén necesario para os máis pequechos.

O libro: unha das regalías da vida.

A nosa fe na palabra segue e seguirá aquí.

Comparte nas túas redes sociais ou por email