O director das coleccións infantís e xuvenís de Galaxia será tamén o encargado de presentar o 32º Congreso IBBY do 2010 en Santiago na actual edición que se está a celebrar nestes días en Copenhaguen.
Este Congreso terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela en setembro de 2010 e acollerá a uns setecentos expertos de todo o mundo. Os nomes que conforman o comité científico do congreso falan da súa importancia e universalidade, xa que hai representantes de todos os continentes.
A Consellería de Cultura patrocina este evento que reforzará a proxección internacional do Centro IBBY para a Diversidade Cultural, que ten previso abrir as súas portas o próximo ano na Biblioteca Nacional da Cidade da Cultura. O programa do congreso terá como eixo temático "A forza das minorías", enfocada desde a literatura infantil e xuvenil como unha minoría, e a situación das LIX en linguas minoritarias e minorizadas e a súa contribución á normalización desas linguas, entre outros aspectos.
Este evento contribuirá sen dúbida a reforzar o papel de Galicia como unha referencia na literatura infantil a nivel mundial.