Lois Pereiro comezou a escribir Náufragos do paradiso -a súa única novela- a finais da década de 1970, cando acababa de facer vinte anos. Cunha linguaxe que emprega imaxes poéticas, a historia narrada concéntrase na interioridade torturada de Bernal e a súa viaxe á "pálida beleza da morte prematura". Nun milimetrado puzzle de sentimentos e situacións, o autor mostra a súa extraordinaria e incisiva capacidade de observación como preciso analista da condición humana. Esta edición inclúe tamén un relato baseado na novela.
"Lois foi esencialmente poeta. Sóuboo, ou decidiuno, na primeira adolescencia. De Rimbaud e dos simbolistas franceses tomou a actitude ante a vida, de Manuel Antonio o compromiso coa lingua e coa xente. Pero era igual de incisivo e de certeiro cando escribía en prosa, como se pode comprobar nos ensaios e artigos que publicou nos anos 1980 e comezos dos 1990. E tamén, e sobre todo, en Náufragos do paradiso, a nouvelle que deixou inédita. Unha long short story que quizais se poida considerar inacabada (como toda a súa obra, en certo sentido), pero non incompleta. A frase final, referida ao protagonista, ‘Ninguén máis o volvería ver vivo desde entón’, parece bastante concluínte."
Do limiar de Xosé Manuel Pereiro