No marco das sesións didácticas da Real Filharmonía no Auditorio de Galicia, realizarase a gravación da música que acompañará á próxima edición de O prodixio dos zapatos de cristal, adaptación en galego do conto da Cinsenta. A orquestra gravará a Abertura e varias pasaxes orquestrais de La Cenerentola, obra composta por Rossini sobre o conto de Perrault. A gravación, en vivo, contará coa voz da soprano Amil e a narración da cantante e actriz de dobraxe Teresa Santamaría. Os concertos didácticos celebraranse o mércores 29 e o xoves 30 de outubro ás 11 da mañá.
Este traballo enmárcase no proxecto "Musicontos", novo proxecto da Editorial Galaxia, no que participa o Consorcio de Santiago, polo que tres contos clásicos –A Cinsenta, Os tres porquiños e A sereíña– son "reinventados" con textos do escritor Xosé A. Neira Cruz, acompañados pola música da Filharmonía e ilustracións de Rodrigo Chao, Federico Fernández e Enjamio, respectivamente. A música, tirada de composicións clásicas, refúndese e así adquire unha nova dimensión ao soar asociada a un novo texto. Esta nova ollada, diferente aos contos de sempre, fai fincapé nos grandes temas infantís pero agora partindo de novas situacións tiradas da cotianidade. O traballo é froito da estreita colaboración entre o escritor Xosé Antón Neira Cruz e o director Maximino Zumalave. Os libros editaranse en formato álbum, acompañados dun CD, e estarán á venda o vindeiro mes de novembro.
Ao conto da Cinsenta, súmanse O debut de Martiño Porconi. O que foi dos tres porquiños e o lobo (adaptación de Os tres porquiños) e Un bico de amor e vida (baseado en A sereíña).
En O prodixio dos zapatos de cristal o texto e a música contan a historia dunha rapaza en paro que quere ser cantante e atopa traballo nunha zapatería onde se garda un curioso zapatiño de cristal; no segundo, o gran tenor Martiño Porconi rememora, antes dun concerto, a vida pasada cos seus outros irmáns porcos e os avatares terribles co lobo. Na terceira, faise unha relectura da historia da sereíña, con historia de amor incluída, ao mesmo tempo que se reflexiona sobre a traxedia do Prestige.