Un libro que parte das vivencias persoais do autor para relatar, coma nunha novela, a epopea dun pobo a través dos ollos dun dos narradores galegos con meirande capacidade para descubrir as historias agachadas na tona da realidade.
Cun ritmo narrativo e unha prosa que engaiolan o lector, Miguel Anxo Murado conta a súa viaxe a Palestina en 1998, enviado polas Nacións Unidas, e a súa permanecia alí durante cinco anos. Tal como relata nas páxinas iniciais do libro, "Aquel inverno de 1998, Israel e Palestina eran coma dous púxiles que se observan entre dous asaltos, facendo por adiviñar cal dos dous vai tirar a toalla antes". Fin de século en Palestina é a narración desa experiencia persoal, unha viaxe narrativa na que o autor de Ruído se achega, con tenrura e tamén con humor, aos días marcados pola violencia da guerra e aos momentos de paz.
Un relato auténtico no que a literatura é a arma que descobre, nas situacións tráxicas e no absurdo ao que ás veces conducen, as verdades da vida. Sen esquecer os fitos históricos e políticos do conflito palestino, Murado reclama atención para esas historias que os medios de comunicación non reflicten e que, por arte da pluma e do instinto narrativo do escritor, abrollan para botar luz sobre dous pobos enfrontados e a terra que os acolle. Situacións dramáticas
e cómicas, desde representar a Palestina nunha feira internacional de turismo a presenciar atentados e bombardeos pasando por ser o portavoz oficial durante a visita do Papa, Fin de século en Palestina é, un libro que nunca esquece a vida que escorrega ceiba entre as fendas da senrazón.
Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965) dedícase profesionalmente á literatura e ao xornalismo. A súa obra literaria é dunha gran variedade e foxe do encorsetamento. Desde libros de relatos coma Memoria de derribos (1993) Mércores de cinza (1998) ata os extraordinarios Ruído e Caderno de Xapón (2001), un libro que é ó mesmo tempo diario dunha viaxe e ensaio sobre unha cultura. Autor teatral (A grande noite de Fiz, Historias peregrinas), tradutor e guionista, no ano 2005 obtivo o Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo. En 2007, Editorial Galaxia publicou O soño da febre, libro de relatos co que Murado volveu confirmar a súa mestría como narrador.