O xurado, formado por Miro Villar, Antía Otero e Paco Souto, concedeu o premio por unanimidade e salientou a "solidez da construción e elaboración" do orixinal premiado e a "riqueza que amosa polo diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo".
O poemario premiado está formado por unha composición central, que dá título ao libro e ten unha extensión duns trescentos versos, na que se reflicte a formación dunha personalidade desde o punto de vista da linguaxe. De aí a homenaxe a Freud como fundador da ciencia que interpreta as linguaxes constituíntes do suxeito. Este longo poema, concibido como unha reflexión poética sobre a vida, abala entre o agarimo e a ironía, a proximidade e o afastamento, a ilusión e conciencia do fracaso. Pola súa banda, na primeira parte do libro, titulada "Secuencias escritas seguindo o espírito compositivo da realidade", os poemas céntranse nas pegadas que o tempo e a experiencia deixan no suxeito poético, mentres que "Tácticas para a disolución da memoria", terceira e última parte de O xeito de Freud, inverte o proceso ao deixar a identidade exposta á disolución da linguaxe poética, que vai alén do individuo como sucesión temporal.
A esta undécimoprimeira edición do Premio de Poesía Johán Carballeira, dotado con 1.500 euros, presentáronse trinta orixinais. Ademais do premio de poesía, o Concello de Bueu convocou o V Premio de Xornalismo Johán Carballeira, do que resultaron gañadores Mónica Lázaro Jodar e Lois Pérez Leira co traballo A miña nai era a aia do Che Guevara.