Como a calquera persoa que escribe e publica a pregunta aparece unha e outra vez: como comezaches a escribir? Eu sempre contesto cun único xerundio: lendo. Mais hai uns días, impartindo un curso a profesorado en Pontevedra sobre escrita, caín na conta de que a resposta era algo máis complexa porque ler pode facerse de mil maneiras. Ler é unha posición e non me refiro a estar deitada ou sentada. Refírome a poñerse nun lugar dende o cal tirar sentido dun texto, recoñecendo a propia experiencia e os intereses que temos investidos nesa lectura. Como autora, para aprender a escribir, aprendín a ler prestando atención a como se escribe, analizando os recursos e abraiándome ante a arte allea. Mais a lectura máis interesante para min é aquela que fago como tradutora, onde unha debe facerse consciente da súa posición (ou o que en filosofía se chama ideoloxía) para poder proporcionar unha lectura honesta e non unha que siga, cos ollos pechados, os ditados do establecido. Porque cada tradución é unha lectura e cada lectura mil máis.