Torrente e o Zigzag Diario

Categoría: Opinión

O ultimo produto de Santiago Segura, Torrente 4, arrasa. A película conseguiu en tres días a mesma recadación que todo o cine español no 2010, pulverizou os records de billeteira e cubriu custes. No elenco hai figuras famosas da pequena pantalla, non da grande, frikis televisivos como Belén Esteban e Paquirrín. Cando un mundo de xente acode ver unha película sen esperar nin a baixala pirateada e contra a maioría das opinións dos críticos de cine, hai que pensar que lles ofrece. E dígoo desde o outro extremo, desde un programa cultural na segunda canle da TVG, envexosa de toda esa xente á que se lle fai chegar unha mensaxe, aínda que sexa a caspa de Torrente. No Zigzag a oferta é outra, son libros que se editan, exposicións que se abren, obras de teatro, danza, películas, series, curtametraxes, documentais, ou música. Non sei cantos torrentianos pode haber nesa minoría que nos “busca” ou na maioría que simplemente nos “tropeza” porque saimos tres veces cada día e porque o zapping non para de arriba para abaixo polas canles todas. E curiosamente cando nos “tropezan” moitos quedan, un rato ou todo, suficiente para escoitar a algún deses escritores, pintores, escultores, arquitectos, directores de cine, actores, músicos e bailaríns dos que falaba, e que son interesantes e contan cousas que enganchan e sorprenden. Igual o próximo domingo, en vez de ir ver Torrente 4, imos ao teatro, a un concerto, unha expo ou mercamos un libro, que por iso nos envexe a nós Santiago Segura.

Comparte nas túas redes sociais ou por email