Na sede da Fundación Caixa Galicia en Santiago de Compostela tivo lugar a presentación do libro de Miguel Barros 'Ramón Piñeiro e a revisión do nacionalismo'. O acto contou coa participación, canda o autor, de Víctor F. Freixanes, Ramón Villares, Justo Beramendi e Ramón Máiz, que foi o director da tese de doutoramento da que parte esta obra.
No primeiro volume, titulado 'Pensamento', abórdase o xeito de entender o mundo de Ramón Piñeiro, resultado do esforzo hermenéutico para apreixar a idealidade que explica a acción política de toda unha xeración. Este libro pescuda no seu papel na reelaboración do herdo do galeguismo e na súa contribución á renovación da reflexión sobre a realidade dun país. Unha traxectoria que leva da idealidade do pensamento á acción política comprometida coa idea de Galicia como patrimonio político.
No segundo libro abórdase a 'Acción política' de Piñeiro. Unha reflexión sobre o período que vai do ano 1943 a 1981. A figura central do seu protagonista, Ramón Piñeiro, resume as ilusións, angurias e fracasos que viviron e padeceron os compoñentes da mocidade galeguista -unha "xeración irrepetible"- que sobreviviu á Guerra Civil. Os mesmos que mantiveron viva a reivindicación dos dereitos políticos do pobo galego.