"Escribo nas cafeterías. É certo. E escribo a man, non no ordenador. Para os textos de carácter literario, que son os que reunín neste libro, aínda que escritos para os xornais, prefiro o ambiente da cafetería, non o ordenador, nin as redaccións, porque me concentro moi mellor".
Miguel Anxo Murado conversou con Víctor F. Freixanes, director de Galaxia, sobre o seu último libro. O faladoiro desenvolveuse na librería Biblos, en Betanzos, rodeados dun selecto grupo de amigos.
"Intento diferenciar a miña dimensión como xornalista, ou como analista da actualidade nos xornais, da miña dimensión como escritor. Estes textos están moi pensados, moi madurados, e o feito de escribilos a man, demoradamente, axuda a ese coidado e esa reflexión".
Murado declarouse partidario do relato breve, ou mesmo deste xénero intenso do artigo literario, máis ca da novela. "A novela esixe unha gran arquitectura, chea de trucos, para que non se escape o lector, que me cansa. Pefiro a intensidade das distancias curtas, moito máis intensas, case que coma poemas. Síntome moi a gusto no xénero do relato breve e do artigo literario, que obriga á disciplina estilística e á disciplina mental, para comunicar coa máxima eficacia o que queres dicir".
Tamén ase falou de Palestina, con "Fin de milenio en Palestina" ao fondo, un dos seus libros máis celebrados; e de "Ruido", libro de relatos de grande aceptación que en breve será traducido ao inglés, e dos horizontes e problemas da tecnoloxía dixital e as redes sociais…. O domingo, Carlos Lema presenta na Feira do Libro da Coruña "Escrito en cafeterías".

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR