Luís Emilio Batallán presentou aos medios o seu novo traballo, ‘Había que chegar’

Categoría: Nova

Onte, en Santiago, o cantautor Luis Emilio Batallán presentou o que, segundo as súas verbas, é o seu "proxecto máis persoal". De feito é o traballo do autor de "Quen puidera namorala" no que hai máis cancións nos que el tamén asume o papel de letrista. No disco, tamén están presentes Álvaro Cunqueiro ou unha reivindicación forte de María Mariño, autora do poema que, precisamente, dá título a este novo libro-disco-dvd que editou Galaxia e que conta na produción con Pablo Milanés, quen tamén escribe un texto sobre Batallán e que completa a semblanza biográfica e artística que elabora Vicente Araguas, outro persoeiro fundamental na, como lembrou Víctor F. Freixanes, "invención da música galega".
Así pois, 'Había que chegar' é unha declaración de intencións do artista, que leva preto de corenta anos na música desde que se lanzou á fama con 'Ahí vén o maio' en 1975, disco que vendeu por aqueles días máis de medio millón de copias e que a día de hoxe sigue coñecendo vendas e novas versións de cancións míticas como o xa popular, porque é de todos, 'Quen puidera namorala'.
A rolda de prensa de onte contou co intéprete e compositor, o propio Batallán (que cantou á guitarra dúas cancións: unha do disco e outra composta na véspera), e Víctor F. Freixanes, director de Editorial Galaxia.
No acto anunciouse que, a partir de setembro, e logo dun primeiro gran concerto en Santiago, 'Habia que chegar' viaxará por toda a xeografía do país para que todas e todos poidan gozar da voz e a sensibilidade musical de Luis Emilio Batallán.

Comparte nas túas redes sociais ou por email