Méndez Ferrín cumpre 70 primaveras

Categoría: Nova

O autor de páxinas fundamentais da literatura galega contemporánea ("Percival e outras historias", "Elipsis e outras sombras", "Arrabaldo do norte", "Antón e os inocentes", "Con pólvora e magnolias", "Bretaña Esmeraldina", "Estirpe", "No ventre do silencio", etc) ecibiu a homenaxe dos seus lectores e admiradores.
Ramón Lorenzo, membro fundador do grupo Brais Pinto no Madrid dos anos 50, entregou ao escritor o libro de agasallo no que colaboran case un cento de autores e autoras (ensaistas, poetas, narradores, xente do teatro, xornalistas, estudosos da lingua, críticos literarios, historiadores, acedémicos, etc.) titulado "A semente da nación soñada", editado por Edicións Xerais de Galicia e Sotelo Blanco.
Foron os seus compañeiros de redacción da revista "A trabe de ouro" os encargados de organizar o acto, que presentou o poeta Anxo Angueira. Glosando distintas perspectivas da obra de Méndez Ferrín subiron ao escenario do auditorio de Caixanova en Vigo: Francisco Fernández Rei, Antón Santamarina, Rosa López, Xavier Cordal, Dario Xohán Cabana e o cantautor Leo de Matamá, que interpretou o poema a Castelao "Irmán Daniel", escrito por Darío Xohán Cabana e musicado por Suso Vaamonde, e mais a "Internacional".
"Na literatura galega contemporánea", declarou dende a tarima Darío Xohán Cabana na súa intervención, "Méndez Ferrin é unha lexión enteira, o resto somos tropas auxiliares".

Comparte nas túas redes sociais ou por email