Abriu en Ferrol a exposición "Galicia 25, unha cultura para un novo século"

Categoría: Nova

O acto de inauguración contou coas intervencións de Mercedes Carbajales, concelleira de cultura de Ferrol, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o Director Territorial de Caixanova para A Coruña-Lugo, Manuel García Miñaca, respectivamente, e Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo, en representación dos comisarios. A mostra, instalada nas salas de exposición da Fundación Exponav, permenecerá aberta ata o domingo 1 de marzo.

Os comisarios de "Galicia 25. Unha cultura para un novo século", son membros do plenario do Consello da Cultura Galega: Víctor F. Freixanes, Henrique Monteagudo e Iago Seara. Movéronse máis de 2.000 referencias fotográficas, gráficos, ilustracións varias, e arredor de 25 producións de vídeo e recursos multimedia. Na mostra expóñense unha morea de obras de arte para ilustrar os diferentes módulos temáticos, maquetas de obras arquitectónicas, audicións musicais, etc. O deseñador é Xosé Díaz (Imagomundi), coa coordinación executiva de Gustavo Garrido e Xosé Manuel Lens, e a produción xeral correu a cargo de Merlín Comunicación S.L.

Estructurada baixo as denominacións "formas e espazos", "palabras, imaxes e sons" e "fíos e desafíos", a exposición consta de 25 módulos temáticos que contemplan unha visión plural e interdisciplinar da creación cultural: dende a literatura ao audiovisual, dende a creación plástica ao teatro, mais tamén a ciencia e o coñecemento, as aplicacións industriais, as industrias da comunicación, o lecer, o turismo, etc., intentando ofrecer unha panorámica moi aberta das realidades e das posibilidades da identidade cultural galega entrados xa no século XXI.

A exposición inaugurouse o pasado 1 de outubro en Vigo, e posteriormente puido visitarse en Pontevedra. Ata o mes de agosto de 2009 percorrerá as sete primeiras cidades de Galicia, concluíndo a itinerancia na Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email