Medalla de Ouro de Galicia para a Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Case medio milleiro de persoas, representativas de distintos estamentos da sociedade galega, asistiron ao acto. O presidente da Xunta de Galicia, en representación do goberno galego, ofreceu a medalla de ouro e o correspondente diploma ao vicepresidente do Consello de Administración de Editorial Galaxia, Benxamín Casal, quen en nome do presidente do Consello, Xaime Isla Couto, pronunciou as palabras de agradecemento. O discurso do vicepresidente do Consello de Editorial Galaxia e do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, poden lerse nesta mesma páxina en formato PDF.

Entre outras autoridades asistiron o ministro de Cultura do goberno de España, César Antonio Molina, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, co goberno en pleno, así como diversas autoridades provinciais e locais.

O acto comezou coa lectura da acta na que se xustifica a distinción por parte do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu, e de seguido procedeuse aos discursos e á condecoración. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, interpretou temas de Rodrigo Romaní, Bal y Gay, Chané e o Himno Galego, coa intervención da soprano Laura Alonso.

Inicialmente o acto estaba programado no parque de Bonaval, pero as inclemencias do tempo obrigaron a realizalo na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela. A Televisión de Galicia retransmitiu en directo e vía satélite os aproximadamente 55 minutos que durou a cerimonia, tras a cal se prolongou a noite cun cóctel para todos os asistentes.

Autores e colaboradores da editorial Galaxia, representantes das asociacións de editores, autores, impresores, clústers da cultura, do audiovisual e do libro, etc., asistiron ao acto, que o vicepresidente de Galaxia, Benxamín Casal, anunciou no seu discurso que desexaba compartir con todos cantos, directa ou indirectamente, fan posible o "milagre do libro galego".

Comparte nas túas redes sociais ou por email