Marilar Aleixandre é elixida para o Comité Executivo do IBBY

Categoría: Nova

O 32 Congreso Internacional de IBBY en Compostela non podía rematar cunha nova mellor: a escritora Marilar Aleixandre é nomeada para entrar no Comité Executivo do IBBY. Grazas a este nomeamento a lingua, a literatura e a cultura galega medrarán en visibilidade a nivel internacional.
Marilar Aleixandre naceu en Madrid en 1947. Dende 1973 reside en Galicia, onde adoptou o galego como a súa lingua literaria e se converteu nunha das escritoras galegas actuais con obra máis consolidada e recoñecida.
É profesora da Universidade de Santiago de Compostela, onde ensina Didáctica das Ciencias e Educación Ambiental, dende 1988.
A súa obra literaria para a xente moza e miúda é ben fecunda, entre a que sobrancean títulos como 'A expedición do Pacífico' (Premio da Crítica de Galicia 1995), aínda que tamén ten destacado, e con nota, na literatura para adultos. Así en 1998 a novela 'A Compañía Clandestina de Contrapublicidade' sería merecente do Premio Álvaro Cunqueiro, e no 2001, con 'Teoría do Caos' faríase co Premio Xerais. Boa parte da obra narrativa de Marilar Aleixandre está traducida ao castelán, portugués, catalán e vasco.
Ademais do nomeamento de Marilar Aleixandre, e o da editora española María Jesús Gil como nova presidenta do xurado dos Premios Hans Christian Andersen, o IBBY destacou o grande éxito deste congreso felicitando a GALIX, sección en Galicia de OEPLI, pola boa organización do mesmo.

Comparte nas túas redes sociais ou por email