María Xesús Blanco

Categoría: Recensión

É unha ledicia ver nos andeis dás librerías Acordes Náufragos, a obra literaria recén saída do prelo do escritor Antón Riveiro Coello. A publicación recolle nove relatos significativos na traxectoria literaria do autor e escritos en diferentes épocas, como el mesmo nos conta na Nota do autor. Algúns deles foron premiados en certames tan prestixiosos e senlleiros coma o Manuel Murguía ou o Modesto R. Figueirido, e xurden como un exquisito agasallo literario para os seus lectores e lectoras, sabendo que serían de difícil acceso para moitos de nós ou que algúns estaban descatalogados.
Os relatos abranguen distintos espazos no tempo e son diversos en canto a natureza e extensión. Mais amosan unha obra conformada por historias que evidencian feitos reais artellados, con gran mestría, no fantástico e arredor dunha temática na que salienta o motivo do naufraxio, a soedade e o tema amoroso, nun sentido amplo, dándolle ao conxunto unidade e coherencia. E, neste artello literario, faise imprescindible reiterar a extraordinaria habelencia narrativa do autor ao acadar un difícil equilibrio entre os feitos que sitúan o relato no crible, no verosímil, e os elementos que bordean o mundo marabilloso.
Velaí temos historias como A canción de Sálvora, que evoca e relata feitos históricos, enfiados polo amor e a traxedia, como foi o afundimento do vapor correo Santa Isabel, na illa de Arousa, no ano 1921. Relatos curtos, como O caderno de Alicia e O náufrago irlandés, ambientados nas rúas literarias de Rianxo e A Pobra do Caramiñal. E narracións que habitan en escenarios ancorados nas lendas do río Limia, coma O rio da memoria, ou en augas do máis alén, como os amores dunha santeira cubana en Bruca manigua.
Escenarios, todos eles, onde o escritor sitúa a personaxes heroicos e singulares como Xoán, o mariñeiro orfo de Sálvora, ou a fermosa meiga Pirrula. A personaxes literarios que anhelan ter outra vida, fóra dos libros. Ou a aventureiros solitarios que recenden a misterio e marusía, como Aldus O´Finegan, o capitán náufrago dun barco irlandés. E como non podía ser doutro xeito ocupan un lugar especial aqueles que se sitúan preto do mundo dos soños, coma os loucos e os insomnes. Tamén os anciáns e os nenos son quen de tender pontes e camiños a outros mundos como acontece en O afogado de Baronzás, o relato máis breve da escolma. Todos eles son personaxes sorprendentes que abraian e cativan ao lector movéndose con desenvoltura e coherencia en universos literarios que desafían as leis da natureza.
Por último salientar o protagonismo da música como elemento que coincide na maioría dos relatos, e que dalgún xeito outorga cohesión a todos eles, como suxire con acerto o título da obra. Os acordes náufragos dunha guitarra, dun acordeón, anainan a sonoridade dunha prosa ricaz e lírica, intensa. E tamén os sons da natureza, coma o murmurio da choiva ou o ruxeruxe do mar zumegan unha atmósfera máxica e misteriosa, acompasando o ritmo áxil e fluido dunha voz narrativa que homenaxea a Cunqueiro e a Dieste.
Por todos é sabido que o traxecto percorrido por Antón Riveiro Coello confírmao coma un dos narradores e novelistas máis sobresaíntes do noso tempo. E en Acordes Náufragos o escritor invítanos a gozar e saborear unha escolma de relatos fermosísimos que agromaron no camiño. Convídanos a adentrarnos nun teselado de historias que se tornarán imprescindíbels para todos nós por que recenden a mar, a fragas lendarias, a amores náufragos ancorados nalgúns dos escenarios que acolleron, e acollerán no futuro, boa parte da obra narrativa do autor.

Comparte nas túas redes sociais ou por email