Non fai moito tempo que me aprenderon que non se poden limpar moedas antigas porque perden parte do seu valor. Nunca reparara neste detalle pero, ben pensando, ten moito sentido. ¿E logo non é mil veces mellor atopar un doblón de ouro lixado polos restos dun naufráxio séculos atrás ca recibir unha réplica noviña e recén pulida, sen ánima, nen lembranzas, nen historia?
2044 é un tesouro a descubrir nos andéis das librerías e das bibliotecas. 2044 é un libro que ten un número por título, e iso xa é fantástico dabondo, pero tamén un conto que nos presenta ás ciencias e as "mates" como personaxes dignos do noso amor e interese. Non, non estou de broma.
O primeiro que me enganchou desta lectura for a sinxeleza coa que o autor nos presenta pequenos puzzles e retos en todo momento, desde o limiar até as últimas páxinas, sempre dirixíndose cara nós coma quen está a falar cun bo amigo que comparte unha cunca de café nun bar nun día de choiva, un deses amigos que non ten tempo que perder en Sálvame Deluxe e que quere descubrir as respostas ás preguntas máis importantes do Universo. Porén, nesa dozura no trato, non esquece de nos lembrar que as matemáticas son a paleta de cores coas que se pintan os modelos de todo o que nos rodea, desde os ciclóns e as áreas das leiras (tan famosas nos libros de texto) até a linguaxe narrativa dos videoxogos, convertíndoa na máis misteriosa das ciencias exactas.
Un aniversario, o aniversario de Lena, unha moza tan excepcional que podería ser calquera coa que cruzamos a mirada nas rúas das nosas cidades, serve de escusa para que en 2044 se nos presente unha posibilidade de futuro optimista, útil, brillante e belida, rasgo este último que moito se bota en falta nas novelas de ciencia ficción dos últimos anos, optando estas pola predicción dun futuro agobiante, escuro e só con esperanza para aqueles que poden presumir do bo berce e boa riqueza.
Este paraíso científico, utópico e onde se alaba a iniciativa persoal e o pensamente crítico para a mellora global, ven aderezado por unha trepidante aventura ao xeito da Illa do tesouro ou dos Goonies, protagonizada por Lena, os seus amigos e a súa irmá pequena, peza clave no crebacabezas ideado polo autor, onde non só se dirime quen poderá ir á festa de aniversario máis sonada de todos os tempos, senon que o futuro da humanidade depende do valor e das decisións tomadas polos heroes desta marabillosa historia.
En resumo, un pasapáxinas de adrenalina e emoción que combina o literario a través da ciencia ficción feita con boa base e criterio, ao xeito de Asimov, coa reinvidicación do emprego do I+D+i para a mellora da nosa sociedade. Sexamos "público LIX" ou simples lectores, unha verdadeira xoia, un doblón de ouro nos restos do naufraxio.