María Fumaça e Mamá Cabra, de xira por Galicia

Categoría: Nova

Os libro-discos-dvd 'Bicos de Música' de Mamá Cabra e o proxecto María Fumaça están arrasando polo país enteiro e converténdose nun dos agasallos predilectos para estes días nos que os libros non deben faltar debaixo da árbore.
E para este tempo de vacacións de Nadal, dende a Editorial Galaxia argallamos unha xira de concertos que levará a todos estes músicos, co seu cargamento de música, alegría e festa, por distintas vilas do país.
Así, o vindeiro día 22, ás 18 horas, no Teatro Principal de Pontevedra, os músicos de María Fumaça subirán ao escenario para cantar, bailar, e desenvolver o seu espectáculo teatral arredor da vida e a felicidade. O 27, estarán en Compostela, concretamente no Salón Teatro ás 18 horas. Un pouco máis abaixo, o mesmo día e á mesma hora, Mamá Cabra presentará o seu espectáculo nas terras de Cangas, no Auditorio do Concello. Ao día seguinte, venres 28 de decembro, a locomotora de María Fumaça fará unha parada no Auditorio do Concello de Vigo ás 18 horas, e 24 horas despois, á mesma hora, pero no Auditorio Municipal de Cangas. A festa musical rematará xa no 2013, o 4 de Xaneiro, en Ribeira, onde Mamá Cabra, ás 19 horas, subirá ao escenario para pechar un Nadal cheo de música, e da boa, na nosa lingua.

Comparte nas túas redes sociais ou por email