Entrega do Premio García Barros

Categoría: Nova

O Teatro Principal da Estrada acolleu a entrega do XXIV Premio de Novela Manuel García Barros, que nesta ocasión recaeu no escritor vigués Santiago Lopo pola súa obra titulada Hora zulú. O acto estivo presidido polo alcalde estradense, José López Campos; o delegado territorial da Consellería de Educación e Cultura na provincia de Pontevedra, César Pérez; o director xeral de Galaxia, Víctor F. Freixanes, e a sobriña do finado García Barros, Temari García.

Posteriormente, celebrouse unha Cea Literaria cun coloquio na sobremesa no que se debateu arredor do tema "A novela: ¿dispersión ou concentración? Os recursos narrativos: entre a convención e a experimentación". Este é o sexto ano consecutivo que se celebra tanto a Cea Literaria coma o coloquio, que toma como punto de partida un asunto relacionado coa obra gañadora.

No decurso do debate falouse da unidade de tempo, da crítica das fronteiras espazo-temporais no discurso narrativo novelesco, do protagonista e a perspectiva única e da alternativa do multiperspectivismo e a variedade textual. A escolla do punto de vista como cuestión fundamental para artellar os recursos narrativos e para a constitución do personaxe como unidade ou dispersión do texto ficcional foi un dos aspectos máis discutidos durante o coloquio.

Participaron, ademais de Santiago Lopo, outros gañadores do premio en edicións anteriores (Xosé Monteagudo, Antonio Piñeiro, Xerardo AgraFoxo, Xesús Constela e Antón Riveiro Coello), críticos literarios (Xosé Manuel Eyré, María López Sández e Inma Otero Varela) e escritores (Iván García Campos e Adolfo Caamaño), xunto co editor Carlos Lema, acompañados por Juan Constenla Carbón, concelleiro de cultura da Estrada, e Valentín García Gómez, secretario xeral de política lingüística.

Comparte nas túas redes sociais ou por email