María Canosa gaña o V Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro

Categoría: Blog

Hoxe, no Concello da Pobra do Caramiñal, o xurado do V Premio de Literatura Carlos Mosteiro, composto por Encarna Pego, profesora, Xosé Antonio Neira Cruz, escritor, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro, director de Edicións de Editorial Galaxia; decidiu por maioría outorgar o premio a obra presentada baixo o título de Teño un volcán dentro que, unha vez aberta a plica, resultou da autoría de María Canosa Blanco, autora de recoñecida e longa traxectoria na LIX galega e gañadora de numerosos premios.

O xurado valora desta obra o orixinal tratamento, nada maniqueo, dun protagonista con Asperger, e a súa relación coa súa irmá, así como co seu entorno familiar e educativo. Das dificultades de integración e adaptación a todo ese mundo novo polo que comeza a camiñar.

María Canosa é unha das autoras máis recoñecidas da literatura infantil e xuvenil galega. Moi nova comezou a escribir e recibir premios e distincións literarias. Desde entón non deixa de soñar historias, o que deu como froito os preto de corenta títulos que ten nas librerías. Entre eles, podemos destacar volumes de poesía e narrativa, como é o caso de Rubicundo, Vagalume de versos, A cazadora de estrelas, O neno Inverno e Muriel, co que obtivo o Premio Merlín 2017. Tamén ten obras pensadas para o público adulto, como é o caso de DisParo ou Non é París. Desde hai uns anos podes vela na TVG, pois guionizou e presentou distintos programas de corte cultural. Actualmente, está na grella no progama Coma un allo. Coa obra “H2… OH!!! Pingas científicas” gaña o Premio Follas Novas na categoría de Mellor Libro de Divulgación do ano 2021.   Tamén podes achegarte a falar con ela en @_MariaCanosa.

Comparte nas túas redes sociais ou por email