O escritor Manuel Rivas vén de recibir a Medalla de Ouro das Belas Artes que concede o Ministerio de Cultura.
Rivas é un dos escritores galegos con maior proxección internacional e un dos autores máis destacados no actual panorama das letras galegas. Dende 2009 é membro da Real Academia Galega. É autor dunha obra literaria que abrangue títulos como os poemarios Libro do Antroido (1981), Balada nas praias do oeste (1985), Mohicana (1986), Ningún cisne (1989), Costa da Morte blues (1995), O pobo da noite (1997) e as obras narrativas Un millón de vacas(1989), Os comedores de patacas (1991), En salvaxe compaña (1994), Que me queres, amor? (Editorial Galaxia, 1995), O lapis do carpinteiro (1998) e Os libros arden mal (2006).
Rivas é tamén un dos representantes máis salientables do xornalismo galego de hoxe. Colaborador habitual do diario El País, dirixiu a revista Luzes de Galiza e ten recollido grande parte dos seus artigos xornalísticos en libros como Galicia, el bonsai atlántico (1990), Toxos e flores (1993), Muller no baño (2002) e Os Grouchos (2008). En 2009 recibiu o Premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego por un artigo sobre Ramón Piñeiro; en 2011 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.
Na Editorial Galaxia publicou libros como Ela, maldita alma, que amosa a mirada de Rivas sobre a vida, ou A lingua das bolboretas, ilustrado por Miguelanxo Prado; un libro que sorprende e emociona nesta edición na que as ilustracións botan unha luz diferente sobre un texto que gaña matices e intensidade con cada nova lectura.
Celebrando o 25 aniversario da publicación de Que me queres, amor?, publicamos, na colección Xohán Ledo, unha edición ilustrada por Diego Estebo. Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, este libro de relatos de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) supuxo, no seu momento, a súa consagración definitiva como narrador.