Premio Torrente Ballester 1995
Premio Nacional de Narrativa 1996
Dezaseis narracións que enxergan o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco.
Este libro, un dos máis recoñecidos do autor, é un conxunto de relatos que rescatan a grandeza do pequeno. Manuel Rivas ofrécenos unha interpretación lírica, dura e delicada á vez, dun país habitado polo tempo e por xentes que reclaman o seu dereito a ter unha historia que contar. Un libro de extrema sensibilidade, que contén os contos que foron levados ao cine no filme A lingua das bolboretas.
Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, este libro de relatos de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) supuxo a súa consagración definitiva como narrador. Un orixinal universo literario que enxalza a grandeza do pequeno, que descobre o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco. Unha ollada dura e, ao tempo, delicada sobre ese territorio no que a realidade linda cos soños, onde se agocha a verdade de cadaquén.
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é un dos escritores máis destacados no actual panorama das letras galegas. Dende 2009 é membro da Real Academia Galega. É autor dunha obra literaria que abrangue títulos como os poemarios Libro do Antroido (1981), Balada nas praias do oeste (1985), Mohicana (1986), Ningún cisne (1989), Costa da Morte blues (1995), O pobo da noite (1997) e as obras narrativas Un millón de vacas (1989), Os comedores de patacas (1991), En salvaxe compaña (1994), Que me queres, amor? (Editorial Galaxia, 1995), O lapis do carpinteiro (1998) e Os libros arden mal (2006).
Rivas é tamén un dos representantes máis salientables do xornalismo galego de hoxe. Colaborador habitual do diario El País, dirixiu a revista Luzes de Galiza e ten recollido grande parte dos seus artigos xornalísticos en libros como Galicia, el bonsai atlántico (1990), Toxos e flores (1993), Muller no baño (2002) e Os Grouchos (2008). En 2009 recibiu o Premio de xornalismo Francisco Fernández del Riego por un artigo sobre Ramón Piñeiro; en 2011 foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade da Coruña.