No pasamento de Rogelio Groba

Categoría: Nova

O compositor galego Rogelio Groba faleceu onte, no seu domicilio da Coruña. Nado en Ponteareas, é autor dun minucioso catálogo musical con pezas de todos os xéneros que deixa, ademais, un inmenso legado pedagóxico en toda a comunidade galega; como así o desexou nunha das súas derradeiras entrevistas, na que afirmou que lle gustaría “ser recordado como un compositor que deixa un legado froito do amor a Galicia”; un anhelo que, sen dúbida, cumpriu.

Foi profesor de varias xeracións de compositores, promotor dos conservatorios galegos e institucións como a Orquesta Sinfónica de Galicia; organización que estreaba o pasado novembro no Palacio da Ópera a que xa pasa a ser a súa derradeira creación musical de Rogelio Groba, a súa Sinfonía nº 16, Voces da terra, na que o compositor “volvía a amosar o seu inquebrantable amor por Galicia, á que dedicou toda a súa vida e toda a súa obra”, afirman dende a Fundación que leva o seu nome.

Os seus primeiros contactos coa música viñeron a través da banda A Unión, do seu pobo natal, onde comezou tocando o flautín antes de facerse cargo, con 17 anos, da dirección da agrupación.
Groba formouse no Real Conservatorio de Música de Madrid, onde obtivo o título superior en Composición con primeiros premios en Armonía e en Contrapunto e Fuga. Exercitou como director de banda en distintos puntos de Galicia (A Estrada, Tui e Ponteareas) e España (Pedro Muñoz, en Ciudad Real) e en 1962 trasladouse a Suiza, onde residiu durante sete anos e dirixiu con éxito distintas agrupacións musicais: Yverdon, Orbe e Perroy, no cantón de Vaud, Martigny e Saint-Maurice, no cantón du Valais.
No país helvético, ademais, dirixiu a editorial musical Rauber, en Lausanne.
De volta a España, en 1967, comezou a dirixir a Banda Municipal da Coruña, na que exerceu como director durante 23 anos. Durante ese período, fundou a Orquestra de Cámara Municipal e a Orquestra do Conservatorio Superior de Música da Coruña, centro no que foi profesor de Contrapunto e Fuga, de Armonía, e de Composición, o cal dirixiu durante dúas décadas.
Á marxe da súa faceta como director, docente e compositor, escribiu ensaios e libros, entre eles 252 alalás, e desde 1990 entregouse á creación musical. Ao longo da súa carreira foi distinguido con múltiples premios, como o Premio Internacional de Composición Dante Luini da Radio Televisión Suisse Romande (1973) ou o Premio da Crítica Galega (1979). En 1992 a Xunta concedeulle o Premio da Cultura e obtivo a Medalla Castelao (1995), o Premio Internacional de Composición Auditorio de Galicia (2004), ou o nomeamento como Fillo Predilecto da súa vila natal en 2005. Era membro do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, da Real Academia Galega de Belas Artes, e da Real Academia de San Fernando, en Madrid.

Rogelio Groba foi unha figura poliédrica. O seu incansable traballo entre as liñas do pentagrama deixou un froito innegable, a súa versatilidade compositiva levouno a crear un catálogo que sobrepasa os seiscentos títulos. Óperas, sinfonías, un réquiem, cantatas, oratorios, obra para piano… ‘Diabolus in musica’, da autoría de Manrique Fernández (Editorial Galaxia, 2011)  é un libro de conversas que repasa a súa vida, os seus afáns como músico, a súa visión do mundo e da cultura. A función da música na sociedade, a figura do director de orquestra, a educación musical, a súa estadía en Suíza e a relación do compositor coa súa Terra.

Comparte nas túas redes sociais ou por email