Manuel Gago

Categoría: Recensión

A medición do mundo, de Daniel Kehlmann: ególatras en paralelo

A medición do mundo, de Daniel Kehlmann é unha novela para quedar atrapado nela e non saír. Toda ela enfíase a partir dun fito histórico da historia da cultura alemana: o encontro en 1828, en Berlín, de Alexander Von Humboldt e Carl Friedich Gauss, posíbelmente dous dos máis notábeis científicos do seu momento e preclaros representantes do volk xermano, tal e como se entendía na época.

A partir deste encontro máis ou menos desafortunado, Kehlmann enceta a narración en paralelo dos dous homes, aos que os une a mesma paixón pola precisión. A medición do mundo, un gran título. Resume unha época e dous xeitos de comprender a ciencia. Humboldt atravesa Sudamérica, escala volcáns, introdúcese en covas cos seus aparellos para extraer a medición, sen que pareza haber obxectivo alén. Gauss desenvolve pezas claves do encaixe matemático, da xeometría, do magnetismo, desde o seu cómodo posto de director do Observatorio de Göttingen.

A historia que nos conta o mozo Daniel Kehlmann bebe do entretemento popular nas súas ansias por contar, por narrar, e da aspiración culta a indagar en personaxes complexas e de moitas caras. Case todo é pura especulación. Sabemos moito das aventuras de Humboldt por América, pero todo son datos, medicións, taxonomías, prantas. Da vida íntima de Gauss aínda sabemos menos. Kelhmann ten, xa que logo, un gran campo libre para a especulación que aproveita comodamente. Sen medo ao erro, Kehlmann constrúe dúas personaxes ególatras, arrastradas pola súa xenialidade a ser absolutos solitarios no medio da multitude, incapaces de manifestar admiración. Atopámonos ante unha novela deliberadamente sinxela, con licencias xoguetonas -un ovni cruza sobre Humboldt no Orinoco- e un ritmo intelixente. Algún dos máis notábeis capítulos está contra o final, na viaxe do ancián Humboldt por Rusia, tentando emular ridiculamente as fazañas da mocidade, nos escuros episodios sexuais a penas mencionados, no pequeno atisbo de realismo máxico, nos momentos de luz no seu círculo social, deliberadamente destruído polos seus excesos de personalidade.

Comparte nas túas redes sociais ou por email