Francisco Castro

Categoría: Recensión

Confeso que ao primeiro fiquei moi sorprendido ao ter noticia, pola propia autora, da publicación dun libro para primeirísimos lectores. Díxome Yolanda cando lle preguntei de que ía: "é a historia dun verme punki moi curriño". Non puiden evitar preguntarme: ¿que fai a que vive nas erofonías escribindo para pequechos?, ¿que camiños quere agora transitar a Egoísta?

A sorpresa deu paso a unha fonda satisfacción. Porque e libro é unha fermosura. Unha alfaia. Un agasallo. Para os cativos seguro, para os adultos, tamén. Pola música interior das palabras de Yolanda ao nos contar a historia. Polas divertidas e elegantes ilustracións de Eduardo Hermida. Pola frescura do conxunto. Pola ironía do todo final.

Yolanda, que non pode deixar de ser poeta (nin quere), aposta polo ritmo e a rima, tan agradable para os potenciais lectores desta punki-historia. Ela non o sabe, ou si, pero saíulle unha canción. Unha melodía narrativa protagonizada por un personaxe, Punver, que é toda unha sorpresa e un achádego. Despistado. Aventureiro. Que outra cousa podía ser un punki-verme senón todo iso.

O libro vai agradarlles, como diciamos, aos máis pequechos da casa. Porque ademais das virtudes xa mentadas, ante todo é unha fantástica viaxe de aventuras, polo interior da roupa dun neno durmido, polos adentros dixestivos dunha nena larpeira. E as historias de aventuras, xa se sabe, sempre enganchan aos lectores, e sobre todo aos máis famentos delas. Abeirando todo isto, insisto, coma unha canción, un retrouso gargalleiro: "E logo Punver, onde vai?", guiando o transcorrer da historia.

Descóbresenos Yolanda nun rexistro inagardado. A punki-poeta ten xa, neste vermiño, un lector entregado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email