Son moitos os méritos que, ao meu xuízo, se poderían subliñar de Spam, mais tampouco é a miña intención desvelar ou destripar todo o que a novela presenta para aqueles lectores que aínda non tiveron a ocasión de lela. Con todo, non podo deixar pasar a ocasión de subliñar que Spam é, isto está na conta dos seus acertos, é unha novela áxil, de lectura rápida, mesmo de lectura agradecida, mais tamén é unha novela activa, permítaseme que recupere os termos, belixerante e combativa, que toma partido. Toma partido contra a deshumanización do home polo home, toma partido a prol da emoción, do sentimento, das relacións humanas. Permitídeme que reproduza unhas declaracións do propio Francisco Castro recollidas dun medio de comunicación impreso e que, dun xeito un tanto premonitorio, axudan a entender esta obra: Interésame moito o mundo dos sentimentos. No fundamental, coido que somos emoción, máis que razón somos paixón. A historia de occidente creouse un pouco negando esta realidade. Ademais, contar desde as palabras, desde o literario todo ese universo profundo das emocións, é moi interesante para un escritor. Supoño que ten que ver moito comigo, coa miña propia maneira de sentir, de ver a vida. Interésanme eses temas para a miña literatura porque sinto interese tamén por eles para a miña vida. Máis que nada preocúpame a felicidade, o amor, a tenrura, non hai nada máis importante ca iso, ou non? Quero defender unha poética da paixón para estes tempos grises e bélicos".
A poética de paixón que Castro exhibe unha e outra vez na súa obra beirea agora temas como a internet, a privacidade da rede de redes, o seu emprego máis alá dun fin puramente laboral ou informativo, o seu uso como elemento de lecer, a accesibilidade doada que o medio supón para o mundo da pornografía…, isto é, cuestiona asuntos cos que os máis de nós nos podemos interrogar un día ou cos que podemos bater casual ou propositadamente; alén de introducir un rexistro léxico que até o de agora estaba ausente nas nosas letras, algo que tiña que ocorrer vindo da man dun blogueiro convicto e confeso como é o autor desta proposta.
Spam ofrece un retrato cruel, descarnado, absolutamente transparente, dunha empresa modelo, ou tipo, rexida unicamente polo interese económico; Spam é unha novela de personaxe, velaí o pobre de Gómez, perfilado, coido, en todas as dimensións posibles, mesmo nas que a el se lle ocultan- mais tamén é novela coral (como simbolizan os oficinistas); Spam é unha novela excepcional no que se refire ao tratamento que amosa a voz narradora –activa, interviniente, por veces desorientadora- que merecería un estudo á parte e que para min se converte nun dos elementos axiais da novela –pola súa ironía, por ese distanciamento calculado, por esa dúbida constante que ofrece acotío, por ese anticipar ou retrasar acontecementos ou sucesos á súa vontade-; Spam é unha novela que, os lectores confirmarano, ofrece unha reviravolta argumental tan perfecta na súa conclusión que un chega coa boca aberta ás súas páxinas finais; Spam é unha novela de espazos claustrofóbicos que revela un mundo posible e real que fai mirar detrás ou cara un recanto para saber se hai alguén por aí cunha web-cam, ou fai prender o ordenador na casa ou no traballo con certa prevención.
Esta proposta, que non ha deixar indiferente a quen se achegue a ela, ha quedar como un dos textos máis arriscados e innovadores das nosas letras deste comezo de milenio, e ao tempo constitúe, xunto con Xeración perdida e Río Leteo, ao meu xuízo, unha das obras máis salientables e representativas do seu autor.