Manual de práctica teatral feminista

Categoría: Nova

Editorial Galaxia vén de publicar o libro de Elaine Aston, "Manual de práctica teatral feminista", unha obra que está concibida coma unha guía práctica para a creación teatral que explora diferentes maneiras de representar ou considerar o xénero e que foi pensada para levar as lectoras a través das diferentes fases cara a un teatro feminista: desde os traballos de quecemento, as improvisacións, a escenificación e a representación. O volume, cunha clara orientación práctica, organízase en tres eixes fundamentais vinculados coa escena feminista: as mulleres no obradoiro, os textos dramáticos e os contextos femininos e o xénero e os procesos de creación.

Elaine Aston é profesora de creación teatral contemporánea na Universidade de Lancaster e ten unha ampla carreira de investigadora no eido dos estudos teatrais e nos estudos feministas. Amais de ser coautora do libro "Theatre as Sign-System" (1989), publicou diversos traballos sobre dramaturgas contemporáneas como Caryl Churchill, Sarah Daniels ou Rebecca Prichard, e numerosos estudos sobre a teoría e a práctica do teatro nunha perspectiva de xénero, con volumes tan destacados como "Feminism and Theatre" (1995), ou "Feminist Views on the English Stage: Women Playwrights", 1990-2000 (2003).

Comparte nas túas redes sociais ou por email