Escoller onde buscar

Beiras recibiu o domingo o Premio Trasalba

Categoría: Nova

Na casa grande de Cimadevila, no concello de Amoeiro, concentrarase boa parte do mundo intelectual galego para asistir á entrega do Premio Trasalba este domingo a Xosé Manuel Beiras. A día de hoxe xa confirmaron a súa asitencia preto de 500 persoas.

A Comisión de Goberno da Fundación, que é a encargada de designar anualmente á persoa á que se lle dedica o premio, valorou a traxectoria vital de Xosé Manuel Beiras, salientando a súa dimensión intelectual, cívica e de pensamento.

Esta é a XXVII edición do Premio Trasalba, que o ano pasado foi concedido á arquiveira e documentalista Olga Gallego. Con este galardón prémiase a traxectoria dunha figura comprometida coas letras e coa cultura galega. O premio non ten dotación económica, senón afectiva e simbólica. Isaac Díaz Pardo entrega un deseño orixinal, especialmente pensado para a ocasión, e a Fundación Otero Pedrayo entrega un libro homenaxe á personalidade agasallada, que nesta ocasión leva por título "Xosé Manuel Beiras. Compromiso coa terra".

A laudatio do homenaxeado correrá a cargo do presidente da Real Academia Galega e presidente de honra da Fundación Otero Pedrayo, Xosé Ramón Barreiro Fernández. No mesmo acto, presentaranse os dous últimos libros publicados pola Fundación: "Catálogo de publicacións seriadas, da Biblioteca da Fundación Otero Pedrayo", e "Paisaxe e Cultura".
Como colofón terá lugar un concerto a cargo de Luis Soto, profesor na Real Filharmonía de Galicia e Tomás Camacho, concertista de guitarra.

O Premio Trasalba foi instituído hai 26 anos. No ano 2006, concédeuselle ao grupo Milladoiro, que agasallou á Fundación cun tema orixinal "Trasalba" e que dende entón se convertiu no himno ou referencia musical da festa literaria.
Desde esta web podes descargar o PDF completo con todas as actividades de homenaxe a Xosé Manuel Beiras.

Comparte nas túas redes sociais ou por email