Curro recibe grandes doses de aloumiños, goza de longos paseos coa granxeira e come as mellores landras. Ata que un día escoita algo que remata coa súa tranquilidade.
Así comeza Un porquiño polo San Martiño, a obra coa que Macarena García Vicente e Iria Bermúdez Rozas acadaron o Premio Alberte Quiñoi 2025 de álbum ilustrado.
O libro combina un texto honesto e sensible cunhas ilustracións expresivas e coidadas, que se integran á perfección para ofrecer unha experiencia lectora chea de tenrura, humor e tamén reflexión. A historia de Curro pon en valor o respecto polos animais e sorprende cun xiro final que rompe con todas as expectativas.
Un álbum chamado a emocionar tanto polo seu contido como pola beleza visual que o acompaña.