O alumnado do Instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo visita Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Hoxe tivemos a honra de recibir nas instalacións de Editorial Galaxia, en Vigo, a visita dun grupo de estudantes e profesoras do Instituto arxentino-galego Santiago Apóstolo de Bos Aires. Mozos e mozas chegados dende a outra beira do Atlántico achegáronse á nosa sede para fortalecer os lazos cos valores herdados dos seus devanceiros, que seguen vivos no seu día a día en terras porteñas.

O director de Edicións, Marcos Calveiro, xunto co equipo da editorial, foi o encargado de darlles a benvida. Durante o encontro compartimos con eles a historia de Galaxia, a realidade cultural actual e como funciona o sector editorial dende principio a fin. 

A visita tamén permitiu afondar na ascendencia galega da maioría do alumnado e comprobar o seu notable coñecemento da lingua e das figuras máis destacadas da nosa cultura. Foi unha oportunidade para tecer pontes entre a ría de Vigo e o Río da Prata.

Instituto Santiago Apóstolo

O Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires vén desenvolvendo dende hai máis de 20 anos un traballo continuo no asentamento, potenciación e espallamento dos valores patrimoniais galegos dentro dun currículo parello ao dos centros asentados na Galicia territorial.

Este centro educativo, xestionado pola Fundación Galicia América (constituída pola Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires), desenvolve un proxecto educativo bicultural nos niveis inicial, primario e secundario e traballa co obxectivo primordial de brindar unha educación de calidade contrastada, elemento fundamental na promoción dunha escola que leva implícito o nome de Galicia fóra das fronteiras administrativas da Comunidade Autónoma.

Así, a custodia, difusión, reforzamento e desenvolvemento do patrimonio material e inmaterial galego en todos os campos e a oferta dunha educación aberta aos cambios que esixen os novos tempos son alicerces innegociables do centro educativo, piares básicos que sustentan todos os traballos cotiáns.

Comparte nas túas redes sociais ou por email