O inesperado como protagonista

Categoría: Nova

Do amor á perda: a nova novela de Javier Fraiz.

O que por lóxica debería suceder talvez non aconteza. O que semella improbable pode pasar. O azar é coma un deus e compórtase coma o diaño. Así se presenta Amar / Azar, a nova novela de Javier Fraiz, unha historia que transita polos camiños do imprevisto, onde a diferenza entre morrer e vivir, entre ter e perder, entre querer e volver, redúcese aos pequenos detalles.

Da cidade de Ourense a París, da felicidade dunha voda ao loito máis fondo, das certezas ás dúbidas, a obra mergulla ao lector nun percorrido intenso que fala da fraxilidade da vida e da forza inesperada dos encontros e desencontros.

Fraiz (Ourense, 1986), xornalista en Faro de Vigo desde 2009 e colaborador en distintos medios, foi recoñecido co Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo en 2019. En 2020 publicou Abro comijazz (Libros.com) e en 2022 estreouse na colección Literaria de Galaxia con Morte no espello.

Con Amar / Azar, convídanos a unha historia que nos lembra que a vida, coma a literatura, sempre deixa espazo para o inesperado.

Comparte nas túas redes sociais ou por email