Manuel Portas presenta mañá sábado, día 30, ás 20h, na Feira do Libro de Compostela a súa última novela, Lourenço, xograr, Premio de Novela Manuel García Barros 2015. Estará acompañado pola crítica literaria Dolores Vilavedra e por Arturo Ponte.
Lourenço, xograr contribúe á divulgación da historia e da literatura medieval galegas por medio dun personaxe pouco coñecido, o xograr Lourenço, que constitúe a porta pola que nos asomamos non so aos conflitos políticos que determinaron o que hoxe somos como país, senón tamén ás vidas entrelazadas das distintas clases sociais da época.
O apaixonante e convulso mundo medieval en que se desenvolve a lírica galego-portuguesa, as intrigas palacianas, as batallas, os asaltos a castelos na guerra civil que sacode o reino de Portugal, convértense no pano de fondo para o devalar biográfico do protagonista, no que tamén ten cabida o amor.
Con esta presentación comezan as actividades de Editorial Galaxia na Feira do Libro de Compostela, que continuarán o xoves 5 (tamén ás 20h) coa presentación da Antoloxía Poética de Manuel María realizada por Darío Xohán Cabana e Amelia Outeiro Portela e rematarán o venres 6 (ás 20h) coa presentación do libro-disco Canta o Cuco, no que Uxía e Magín Blanco interpretan os poemas do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016.