Lois Pereiro en Buenos Aires

Categoría: Nova

Federico Trillo, alumno de 3º de bacharelato, e Luján Martínez Saborido, tamén alumno do Colexio Apóstolo Santiago de Buenos Aires, son autores da crónica e da reportaxe fotográfica, homenaxe ao poeta Lois Pereiro, a quen este ano a RAG dedicou o Día das Letras Galegas.
Hai pouco que reseñabamos aquí a lectura de poemas e os actos que a asociación Terzo da Fala realizaba diante da estatua de Castelao, na avenida 9 de Xullo da capital porteña. Son noticias da Galicia exterior.
O Colexio Apóstolo Santiago é a gran entidade escolar dos galegos en Buenos Aires, vencellado á Fundación Galicia-América e ao Centro Galicia. Máis de medio milleiro de rapaces e rapazas estudan neste centro, de grande prestixuio da capital arxentina, seguindo o proxecto educativo de Galicia, dende os estudos infantís ata a entrada na universidade. O ano pasado viaxou a Galicia a primeira promoción do centro, e demos conta da súa visita á Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo en Trasalba e as dependencias de Editorial Galaxia.
A crónica de Federico Trillo e as fotografías de Martínez Saborido son unha mostra da cultura galega moza, que alenta alén mar.

CRÓNICA DO ACTO DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
HOMENAXE A LOIS PEREIRO

Xa pasou unha semana da sentida e sincera homenaxe que os alumnos e alumnas do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires lle realizamos ao poeta Lois Pereiro.
Nese acto, coma en anos anteriores, quixemos mostrar o verdadeiro Lois e extirpar as típicas caretas e adobíos que moitas veces nos tapan os ollos e non nos permiten un achegamento fiel aos matices e singularidades das persoas, dos homes, dos poetas.
Foi así como aquel venres, 20 de maio, chegou case sen dármonos conta. O día anterior dixeramos: "¡WOW, mañá é o acto!". Tivemos só 6 días de ensaio e, se ben pensabamos que saía moi ben, unha semana de ensaio parecíanos pouco. Con todo, tamén eramos conscientes que da man de Alejandra Lorenzo, Susana Ferré e Fernando Naval todo podía ser posible.
E así foi: o acto saíu espectacular, sobre todo o terceiro (fixemos 3 funcións ese día). Quizá como o público xa non estaba conformado polos nosos compañeiros e compañeiras coma nos dous anteriores non nos sentiamos tan nerviosos, e pode ser tamén porque xa o puxeramos en escena dúas veces e xa sabiamos cada cousa que sentiamos cando actuabamos.
Pero a gran diferenza foi o destinatario do acto. Nos dous primeiros, nós sentiamos que actuabamos para demostrar o que fixeramos. O terceiro acto non foi así. Tiñamos que presentar o acto á xente, pero non pretendemos demostrar nada. A terceira presentación foi moito máis profunda sentimentalmente; foi máis aló do público. Nese último acto estabamos actuando para nós mesmos, para aquel grupo de actores que se foi formando cada día de ensaio. O último acto era totalmente noso e de Lois. Era para nós, e para Lois, claro. Era o premio ao noso esforzo e traballo de cada día.
Seguramente, coma min, cada un chegou á súa casa moi canso pero tamén moi feliz do resultado. Todos sabemos que o acto non se podería ter desenvolvido sen a colaboración de todo o grupo, o cal –por máis que fora moi heteroxéneo– funcionou á perfección e propiciou unha maior amizade e unión entre eses compañeiros.
Xamais poderiamos imaxinar que desde o xoves 12, cando comezaron os ensaios, todo isto fose algo que ía contribuír na formación dun grupo máis forte.
Alguén dixo que vira detrás dunha cortina do Salón Valle Inclán do Centro Galicia de Bos Aires uns lentes e unha chaqueta de coiro sobre un corpo de plena felicidade. Quen sabe…

Federico Trillo

Comparte nas túas redes sociais ou por email