Literaturizar a historia

Categoría: Opinión


A literatura e a historia son vellas coñecidas e establecen relacións proveitosas para ambas: a literatura reflicte a historia e a historia contémplase nas obras literarias. A literatura, en canto testemuño da sociedade, proporciona información relevante acerca dunha época concreta: as crenzas, os costumes, a mentalidade, os valores, os modos de vida… A historia, á súa vez, é a inspiración da que naceron moitas das grandes obras da literatura universal. Poesía, teatro e, sobre todo, narrativa atopan fértil materia literaria nos acontecementos que viviu a humanidade desde o comezo dos tempos. E non hai dúbida de que a novela histórica é un xénero que goza hoxe dunha extraordinaria vitalidade, tamén na nosa literatura.

Malia esta interrelación entre historia e literatura, moi distintos son os obxectivos que procuran. Mentres o historiador pretende reconstruír o pasado a partir de datos obxectivos analizados e contrastados, o escritor ou escritora converte en ficción literaria as informacións que o rigor histórico lle proporciona e recréaas libremente para transmitir a emoción da que carece o texto erudito.

Unha característica principal da novela histórica é a esixencia de verosimilitude. Para que o imaxinado teña aparencia de realmente acontecido cómpre levar a cabo unha exhaustiva documentación acerca do período e o espazo nos que se sitúa a narración. A xeografía, a economía, a alimentación, o vestiario, as actividades de lecer, as crenzas, a onomástica… son coñecementos que poden obterse a través de documentos históricos, arqueolóxicos, epigráficos ou iconográficos.

A tradición oral proporciona igualmente informacións valiosísimas, por moi inverosímiles ou contraditorias que resulten ao comparalas coas recollidas de fontes científicas. As lendas ou os romances achegan aquilo que a fantasía do pobo transmitiu de xeración en xeración, son materia viva que merece un lugar preeminente no texto literario.

Mais o importante e fundamental, como en calquera novela, é a creación duns personaxes con alma, con vida interior. Criaturas de ficción que van medrando paseniño e transmiten os soños, os conflitos, os temores, as arelas, as decepcións, as traizóns, as anécdotas e peripecias do seu vivir cotián. A presenza na narración de personaxes reais esixe respecto á veracidade e rigor histórico. Mais, ao mesmo tempo, o novelista pode imaxinar os seus pensamentos máis íntimos e tamén pode permitirse determinadas licencias e atribuírlles estes ou aqueles trazos froito da súa fantasía.

Dotar de vida e autenticidade os personaxes, recrear a atmosfera na que ocorren os acontecementos, construír unha trama ben elaborada e transportar o lector a tempos afastados son os difíciles retos aos que se enfronta o escritor de novela histórica. Se o consegue, construirá un relato ameno e accesible, fonte de coñecemento e tamén do goce estético que a literatura ofrece.

Non é tarefa doada, pero si apaixonante.

Comparte nas túas redes sociais ou por email