Francisco Castro gaña por quinta vez o Premio Frei Martín Sarmiento

Categoría: Nova

O pasado venres, na Cidade da Cultura fixéronse públicos os premios Frei Martín Sarmiento que recoñecen os mellores libros ao xuízo das lectoras e lectores dos últimos dous anos. Na categoría de adultos, o libro gañador foi o de Francisco Castro, "Tes ata as 10", publicado pola Editorial Galaxia.
O premio Frei Martín Sarmiento que o autor vigués gaña por quinta vez na súa carreira, ten a particularidade de que é concedido polas lectoras e lectores de Galicia nas diferentes categorías, polo que é un dos máis cobizados do sistema literario galego. En concreto, convocan a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia – Centros Católicos (Ferega-Ceca).
Este libro é unha obra de amor e misterio, mais tamén unha obra de intriga que ten de fondo o ambiente tardofranquista na cidade de Vigo. Está protagonizada por un editor vigués que vive na Coruña. Seu pai dirixe un xornal na cidade olívica. Ao día seguinte da morte repentina do seu pai, recibe un correo electrónico, enviado nese momento, do propio pai e no que lle di que ten ata as dez para resolver un misterio.
Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o Premio Frei Martín Sarmiento recaeu este ano na escritora Paula Carballeira, pola súa obra "A burra Ramona"; na categoría de 3º e 4º de primaria, o gañador foi Xabier Frías, por "As aventuras de Enrico Müller"; na de 5º e 6º de primaria, Xabier Estévez, por "Todos os soños"; Santiago Jaureguízar fíxose co galardón na categoría de 1º e 2º de ESO por "O veleno da risa" e Agustín Fernández Paz, con "A neve interminable", obtivo o de 3º e 4º de ESO.

Comparte nas túas redes sociais ou por email