Literatura, mercado e tradución

Categoría: Opinión

A situación de diglosia que padece Galicia, co castelán coma lingua de prestixio, ultimamente validada coa etiqueta de “común”, mentres o galego vai perdendo falantes entre os máis novos e segue sen ocupar, no eido social e cultural, o espazo que lle corresponde, afecta a todo o sistema lingüístico e literario e, xa que logo, ao seu mercado. Se obviamos o éxito dos nosos autores da literatura infantil e xuvenil –un éxito até certo punto cativo na súa dependencia do ensino-, son poucos os autores en lingua galega dos que se poida dicir, sen medo a esaxerar, que as súas obras son agardadas con devezo polo público lector. A pregunta é, hai vida –neste caso mercado– na literatura galega máis alá de Rivas e de Toro? A resposta debería ser que si. Nunca se editaron tantos autores, aínda que cómpre recoñecer que as tiraxes son cada vez máis curtas. O problema da literatura galega, dende a óptica do mercado, non está na abundante oferta nin na súa modernidade ou calidade, senón na falta de demanda. O lector en galego é un público fiel pero pouco numeroso, o que dende logo non se corresponde co número de galegofalantes afeccionados á lectura. Isto responde, en boa medida, a que parte do noso público natural non foi escolarizado na súa lingua nai (situación que vai empeorar, aínda máis se cabe, coas medidas desgaleguizadoras impostas polo goberno de Feijóo), polo que está máis acostumado a ler en castelán que en galego, aínda que sexa esta última a lingua na que se desenvolve acotío. Algo que se reclama de xeito habitual para evitar isto é que se respecte un tempo mínimo de espera antes de traducir ao castelán as obras de autores cun bo nivel de vendas, como Manuel Rivas, ou agora Domingo Villar, coa idea de que os lectores que seguen estes autores van mercar o libro en galego para non ter que esperar á saída da tradución ao castelán. Mais, pódeselle pedir iso a alguén que pretende ser un profesional da literatura? Non é iso apelar ao compromiso, unha vez
máis? Como se cuantifica o tempo mínimo preciso para lle dar saída á obra en galego? Realmente hai un público de lectores dubidosos que xustifique ese atraso na saída da tradución ao castelán? Coido que o
conflito é ben outro. O éxito no mercado en castelán dos nosos autores comporta moitas veces a súa invisibilidade coma escritores en lingua galega, facilitando que unha vez máis o centro do sistema fagocite unha periferia que nalgúns casos semella devecer por ser asimilada.

Comparte nas túas redes sociais ou por email