Inma López Silva

Categoría: Recensión

As humanas proporcións de Xesús Constela.

Un libro que fascina desde a primeira páxina.

As humanas proporcións, de Xesús Constela Doce, Premio Torrente Ballester 2003, fascina desde a primeira páxina. A través dos doce relatos que constitúen o libro, o lector adéntrase, aos poucos e coma quen non quere a cousa, nun mundo abraiante rexido por leis diferentes. Entre os contos que se nos ofrecen, atopamos un modo apreixador para medir as doses de fantasía dentro da máis cotiá das realidades e, así, crear unha literatura evocadora, suxestiva e entretida que non renuncia a doses cultas a través de citacións iniciais que, sempre, teñen un sentido dentro do relato. Isto, por obvio que pareza, case nunca acontece, e ao mellor comezan por aí as gadoupas coas que este libro nos atrapa: é fresco, e ao tempo ancorado no mellor dos clásicos; é orixinal e sorpresivo, sen renunciar á construción tradicional do relato.
Todos e cada un dos personaxes de As humanas proporcións fican na memoria a causa dun choque co noso cotián, sexan os velliños da aldea que viven inmersos nos versos de Rimbaud e Baudelaire ("A fraga"), sexa o moderno Home Vitrubiano, empregado de banca para máis señas, que ve como no seu corpo medra un mundo enteiro, e que iso que hoxe en día é cualificado coma loucura non é nin máis nin menos ca o don de comprender o universo ("Geographos"). En As humanas proporcións está o xogo ("Algarismos"), a reflexión sobre o ser ("As lembranzas todas"), o retorno ao paraíso perdido da infancia ("Celia e o príncipe") e, sobre todo, o contraste entre mundos aparentemente distantes entre si que se unen grazas á pericia do escritor. Desde este punto de vista quedo con "Non escoites a Giovanna", relato no que Xesús Constela nos amosa os misterios agochados nun cadro flamengo do século XV (debilidade, por certo, de quen isto escribe e se congratula de velo na cuberta) a través das entreteas de Internet e do chat nun relato de ritmo excelente no que o autor amosa, ademais, unha envexábel capacidade para a construción da intriga.
Dun xeito ou doutro, As humanas proporcións discorre polas diversas formas contemporáneas que tratan de entender o mundo e de aí as doses de inxenio, de fantasía e mesmo de absurdo kafkiano que Xesús Constela vai deitando relato a relato, coma se a única descrición posíbel da realidade só pasase por incluír nela o que só aceptamos no ámbito dos soños. Para o autor vida e literatura, polo tanto, semellan a mesma cousa, e de aí que os argumentos, mesmo epifanías nas que se recrea, só pasen o filtro do lector para unir mundo fantástico e mundo realista. Ese contraste é a pedra angular do libro, unha pedra na que non se repara en tempos nin en culturas, na que todo ten esa universalidade non pretendida que sempre emana a boa literatura.

Inma López Silva

Comparte nas túas redes sociais ou por email