Marga Romero

Categoría: Recensión

Diario de comidas de Xabier Rodríguez Baixeras.

Diario de Comidas é un libro que convida ao gozo.

Ao gozo da leitura, cunha escrita áxil, chea de humor, unha escrita de palabras ben buscadas e axeitadas, oficio do escritor que nos sorprende, el o poeta que coñecemos e admiramos, agora como narrador. Convida ao gozo dunha arte e dunha cultura, a da cociña. Ábrenos as portas do máis íntimo, ese enfrontamento diario, durante o 2002, que o personaxe, narrador, ten coa necesidade e o desexo de alimento. Ás veces, é o viaxeiro que desubicado do seu mundo, pasa o remate do ano en Costantinopla ou come callos nunha "trattoria" da Praza do Mercado Central, chamada Za Za. Ás veces, é o lector, esculcador de novos faceres culinarios, que le, critica e vai na procura de sabores. Outras, lembranzas das casas de comidas, de recunchos afastados, de pequenas viaxes na compaña da amizade. Envexa é a que esperta, o cociñeiro, o descubridor dos erros das receitas, o mago dos cocidos, nos que tamén hai carneiro. E no fondo, a historia da lamprea ou da empanada ou da zamborca. A historia de nós que morre e vive pola boca. Sempre o poeta, que ama os versos que lembra e que recita na escrita, mentres algo nos peta na boca do estómago diante desta fermosa análise sensorial que nos esperta o desexo irremediábel de comer. Magnífico libro, unha homenaxe á cultura. Unha sorte.
Marga do Val

Comparte nas túas redes sociais ou por email