Libros con becho

Categoría: Opinión
Non é preciso lembrar a Metamorfose de Kafka nin Ada or the ardor de Nabokov para falarmos de literatura e entomoloxía. Covalladas. Prosa Vertical de Xurxo Borrazás é o último libro con becho da literatura galega. Os bechos, neste caso, son os grilos. Pero o grilo é tamén un dos protagonistas dun dos contos de Percival, o primeiro libro de Xosé Luís Méndez Ferrín. Grieih é tamén o primeiro relato da literatura galega escrito desde o punto de vista dun naturalista. A afección pola entomoloxía de Ferrín, que enchía de “horror zoolóxico” a Otero Pedrayo, é un dos moitos puntos en común que o unía ao cineasta Carlos Velo, entomólogo de formación. O seu primeiro filme foi un documental sobre o comportamento das abellas. Utilizouno para ilustrar a súa tesiña de licenciatura na Universidade Central de Madrid en 1932. E é ben sabido que foi Carlos Velo quen lle proporcionou a Luís Buñuel, outro afeccionado á entomoloxía, as formigas que aparecen nunha secuencia de Un can andaluz. Velo, Buñuel e Ferrín comparten unha lectura que espertou milleiros de vocacións entomolóxicas en todo o mundo: os Recordos Entomolóxicos de Jean Henri Fabre, o único libro que Buñuel levaría a unha illa deserta. A biblioteca do Museo de Historia Natural da USC custodia os dez volumes da primeira edición desta fascinante obra. O museo está dedicado á memoria de Luis Iglesias, catedrático de Bioloxía e reitor da Universidade de Santiago, que publicou en 1928 na revista Nós o artigo Notas entomolóxicas, insectos de Galiza , probablemente o primeiro texto científico en galego sobre insectos. Se se sabe procurar, aparece o becho. 

Comparte nas túas redes sociais ou por email