Da memoria histórica literaria

Categoría: Opinión

Hai uns días sorprendeunos a triste nova da morte do escritor portugués José Saramago. Páxinas de xornais, retrospectivas televisivas e resumes bibliográficos comentados deron a imaxe do intelectual comprometido e querido por todos. Lonxe quedaban as críticas por parte da Igrexa e de sectores neoconservadores do seu propio país. O seu legado seguirá no tempo. Tres fundacións traballarán para lembrar a súa obra. Traslademos o caso ao noso país. Galiza pasa por ser importante berce literario xa dende a Idade Media. Entón, cantas fundacións lembran aos nosos escritores? O listado, en troques, é ben cativo: Otero Pedrayo, Rosalía de Castro, Castelao, Neira Vilas, Curros Enriquez e, apurando, o controvertido Camilo José Cela. Agardando vez están as de Uxío Novoneyra e Manuel María. Afondando no tema descubrimos situacións inxustas. Mentras a institución que lembra ao noso persoeiro máis senlleiro, Castelao, sobrevive nun local de 20 m2 a Fundación Camilo José Cela conta con 3.000 m2 construidos. O mundo ao revés. Para min, por moito que algúns teimen en afirmar nun suposto bó momento da nosa literatura, o certo é que nin siquera sabemos gardar ben a nosa propia memoria histórica literaria. Senón o credes visitade a rúa do Hórreo 37, local 8 de Compostela.

Comparte nas túas redes sociais ou por email