Antonte daban comezo, como cada ano no Pazo de Mariñán, os Diálogos Literarios que organiza a Fundación Carlos Casares, unha das citas culturais máis importantes do país.
Nesta ocasión, as xornadas, coordinadas polo poeta Román Raña deron comezo cun acto público no que, baixo do título de "Lembranza de Anxo Rei Ballesteros", tres persoas que o trataron e coñeceron moito, Dolores Vilavedra, Carlos Fernández e Basilio Lourenço, abordaron a súa inmensa figura desde moitos puntos de vista (como literato, como ensaísta) mais tamén dende o corazón.
No acto ficou clara a grandeza intelectual de Anxo Rei Ballesteros e subliñouse a importancia da súa narrativa, en especial de textos como "Dos anxos e dos mortos" por todo o que supuxo de novidade no tempo no que saíu, o que, dalgunha forma, explica tamén a súa actualidade. Non menos importante foi considerado o seu traballo ensaístico entre o que sobrancean títulos como "Tempo e vinganza".
Os Diálogos Literarios de Mariñán son, sobre todo, un encontro de amigos e amigas escritores arredor da paixón común pola palabra. Nesta edición, tamén, Anxo Rei Ballesteros está alí.