Era unha lei esperada, e moi demandada polo sector, que traballou moi activamente nela. Durante meses, xa no anterior goberno da Xunta, representantes de todos os sectores da creación, a edición, a distribución, a comercialización, etc., ademais de estudosos do libro e representantes de colectivos profesionais, elaboraron un espazo de consenso a partir do cal foi redactado o articulado da lei. A nova administración someteuna a exame e, practicamente sen variacións, presentouna á consideración da cámara lexislativa, que a aprobou por unanimidade.
Todos os representantres do sector consultados concordan na necesidade da lei, que propón iniciativas novas como a Creación dun Consello Asesor (organismo permanente de estudo e seguimento da edición), a creación da Cámara do Libro de Galicia para promover a exportación, e medidas de apoio sectorial tanto á creación como á distribución, a produción, a comercialización, etc. A lei considera o libro e a edición coma un sector estratéxico no desenvolvemento da nosa sociedade.
Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura da Xunta de Galicia, presentou a lei no Parlamento e anunciou medidas económicas de apoio, tanto para actividades culturais relacionadas co libro como para o desenvolvemento das bibliotecas e lectura pública. De feito, está pendente agora unha Lei de Bibliotecas, en fase de desenvolvemento. Os representantes do sector consultados coinciden todos tamén en que a partir de agora, a verdadeira vontade política de apoio ao libro galego, deberémola seguir a través de accións concretas: política de animación á lectura, dotación de infraestruturas, estímulos á creación, biblioteca familiar, apoios á formación permanente e á renovación tecnolóxica, etc., ademais da concreción dos recursos económicos correspondentes