Especialistas, técnicos e estudosos da lectura pública participaron nas mesas redondas e nos debates, cunha importante afluencia de xente. A conclusión principal foi que a lectura pública é unha necesidade urxente, cuestión fundamental para homologar a realidade galega (e española) ás medias dos países desenvolvidos de Europa.
A continuación a relación completa das conclusións deste III Simposio da Edición:
Asociación Galega de Editores
"Bibliotecas, lectura e edición"
16 e 17 de novembro de 2006
1. A práctica lectora configúrase dende hai tempo coma un dos termómetros básicos para medir o nivel de desenvolvemento social, económico, político e cultural das sociedades. O acceso aos libros por parte da cidadanía é unha necesidade obxectiva que cómpre atender axeitadamente.
O libro e a lectura son axentes básicos de socialización e, por tanto, elementos fundamentais na construción dunha Galicia nova.
2. A lectura pública é un servizo necesario que a Administración e os poderes públicos deben considerar dun xeito regular e constante nos seus planos estratéxicos. Tal servizo, con carácter universal e igualitario, debe atinxir á totalidade da poboación, por riba de diferencias sociais, económicas, ambientais, culturais ou xeográficas, xa que está profundamente vencellado á formación do capital humano, á cualidade democrática e participativa dos individuos e das sociedades, e á capacidade de desenvolvemento das mesmas.
3. Os arredor de 430 puntos de lectura que constitúen na actualidade a rede de Bibliotecas Públicas de Galicia non están suficientemente dotados.
O 45% dos fondos bibliotecarios quedaron hai tempo obsoletos. Os recursos económicos para a adquisición de libros está moi por debaixo das medias europeas e mesmo da media española. Cómpre unha actuación decidida na dotación de recursos bibliotecarios, e cómpre facelo dun xeito constante e anual, contando cos profesionais da lectura pública, e integrados nos orzamentos das consellerías correspondentes.
4. Sen unha xeitada rede de servizo de lectura pública, dotada de espazos, persoal cualificado e medios, tal como sucede nas sociedades desenvolvidas do noso contorno, non parece posible un deseño de modernización da sociedade galega consonte as necesidades do século XXI.
5. Complementarias ás Bibliotecas Públicas son as Bibliotecas Escolares, factor capital no desenvolvemento dun sistema educativo renovado e homologable a outros modelos do noso contorno.
Conscientes de que os pasos a dar deben ser progresivos, invitamos aos poderes públicos a un pronunciamento decidido a prol da dotación de recursos dentro do sistema: bibliotecas escolares, ben dotadas e ben atendidas, en todos os centros docentes sen exclusión, como parte da estratexia educativa; centros de documentación, información e acceso ao coñecemento, dirixidos moi especialmente ás novas xeracións.
Consideramos necesaria, xa que logo, a creación dun corpo de profesionais especializados neste tipo de servizo dentro dos centros, conectados en rede nun programa xeral de aproveitamento de recursos e documentos, non só para o soporte tradicional do libros senón en todo canto atinxe ás Novas Tecnoloxías (TIC).
6. Dende a Asociación Galega de Editores ofrecemos os nosos servizos, atencións, coñecementos e apoios, ás iniciativas de desenvolvemento e fortalecemento da rede bibliotecaria e das estratexias a prol de animación á lectura, conscientes da súa importancia na construción dunha Galicia instalada de seu nas necesidades do século.
Asumimos como reto a necesidade de diversificar as nosas liñas editoriais, mesmo abríndonos aos novos soportes da edición, posibilitando deste xeito o fornecemento á rede bibliotecaria dos materiais necesarios en lingua galega.
O coñecemento dos novos soportes de edición e as súas posibilidades, a busca de solucións imaxinativas que permitan superar atrancos, e a consecución dos apoios necesarios que fagan viables novos proxectos, convértense en tarefa urxente para o sector editorial galego e a industria cultural.
Apoiamos aos profesionais da biblioteca na procura dun espazo estable dentro do sistema cultural, educativo e de servizos á sociedade, na medida en que son parte decisiva na formación do capital humano e na implementación da Sociedade da Información e o Coñecemento.
Animamos a implementar decididamente as Novas Tecnoloxías da Comunicación no servizo bilbiotecario, conectándoo cos recursos dispoñibles e mais cos que poidan xurdir, así como co resto dos axentes do libro e a lectura, moi especialmente os libreiros.
En Santiago de Compostela. Novembro de 2006