Un libro matrioska
A boneca de Blanco Amor non é un libro, é un libro-matrioska. No seu interior, ente as curvas e liñas das letras, están agochados outros libros, e outros, e outros. Ti vas chegando a eles, mais, cando pensas que xa está, que abriches a derradeira boneca desa matrioska, aínda atopas algo máis que non agardabas. Personaxes, lugares, historias que se van entralazando como as pólas dunha árbore éxotica. E de fondo sempre o ruxerruxe do motor que guía a obra e a vida da autora: a ideoloxía.
Na boneca de Blanco Amor atopei mulleres que buscaron unha forma de realización á marxe do dominio masculino, refuxiándose nos conventos. Mulleres que foron caracterizadas como ilusas, persoas de dobre moral, perigosas, bruxas! Atopei tamén a Sara Broun unha auténtica empresaria, unha muller con grande intuición e mercantil, dotada para os negocios. Unha xenia da economía. Atopei á Bela Otero, a Darwin, a Magalhaes, a Pigafetta. Atopei persoas e espazos insólitos. Atopei a Chile, coas súas montañas e o voo do cóndor, que se precipita, mais nunca cae. Pero, sobre todo, atopei esa boneca fascinante que aparece na Esmorga, no Pazo dos Andrada, rodeada dunha atmosfera de opio e loucura. Unha boneca fetiche coa que gocei na novela de Blanco Amor e tamén na recentísima película. Unha boneca que María Xosé rescatou nesta obra plantexando unha posibilidade que, a día de hoxe, creo que é a única: a boneca da Esmorga é a boneca de Blanco Amor. Ou, tratando de ser máis clara, podo dicilo doutro xeito: a boneca de María Xosé Queizán, é a boneca de Blanco Amor.