Lecturas para o lecer

Categoría: Nova

Chuvía, vento e tempo libre, caldo de cultivo para desfrutar dun café e as nosas lecturas favoritas.

Durante esta ponte, que mellor plan que poñernos ao día con eses libros pendentes?

Dende Galaxia, destacamos algunhas ideas:

70º NORTE, de Xaime Toxo. Unha reminiscencia pandémica, na que unha praga contaxiosa leva á civilización postindustrial aos límites da desaparición. No medio desta extinción, sen conciencia do perigo, un pequeno grupo intúe que o paradoxo da salvación radica nas persoas que permaneceron illadas nos remotos contornos dunha natureza tan implacable como imprescindible.

TECENDO REDES, Premio Vilar Ponte de Novelade Irene Rega Jul. Nesta obra, as lectoras e lectores asistirán á historia de Verónica, unha muller que vén de recibir a oferta do traballo da súa vida, un traballo no que deberá compartir espazo coa persoa que arruinou a súa vida… Unha lectura trepidante que mestura os mellores mecanismos de misterio e acción.

SOMOS HIP HOP, de Pablo Castiñeira Olveira e David Brey Vázquez. A través deste libro, descubriredes os fundamentos, trucos e segredos de cada unha das disciplinas que forman este movemento sociocultural, perfectamente ilustradas cunha ampla colección de imaxes orixinais. O movemento hip hop, composto polos seus cinco elementos: breaking, rap, graffiti, turntablism e beatbox. A través deste percorrido, as lectoras accederán a diversos glosarios de termos, kit básicos de supervivencia, exercicios prácticos e todo tipo de trucos para saber como funciona esta arte en profundidade.

Esta proposta contén un código QR que permite a todas as lectoras e lectores acceder a contidos exclusivos e realidade aumentada en www.vellaescola.com.

ONDE FERVE A MEMORIA, de Xavier Rodríguez Baixeras. Un poemario que fica na primavera silenciosa. Onde o poeta consegue entrar na súa casa, mais só para atopar o abatemento e a disolución de infinitos voos converxentes de morcegos, que logo asociará ao comportamento da anguía, cando esta, antes de se esvaecer no mar, xa non logre regresar en forma larvaria á terra da que partiu.

E vós? Que pensades ler durante as vacacións?

Comparte nas túas redes sociais ou por email