O xurado da XLVIIIª edición dos Premios da Crítica de Galicia, na modalidade de Creación Literaria, acordou outorgar por maioría o galardón a Contos gringos, de Lara Dopazo Ruibal, recoñecendo nela unha voz singular e unha renovación da tradición relatista galega.
Na súa acta, o xurado salientou “o estilo e a intensidade das voces que se individualizan en cada relato para caracterizar os distintos personaxes”. Ademais, destacou o “gran pulso narrativo” da autora, quen logra que “calquera suceso cotián poida converterse en extraordinario” a través dun “vibrante manexo textual”.
Contos gringos reúne unha ducia de relatos ambientados nos Estados Unidos, territorio que a autora coñeceu de primeira man durante a súa estadía en Iowa entre 2021 e 2023. Tornados, campos de millo, animais salvaxes, reptilianos, mortes inesperadas e moito frío compoñen o escenario dun libro no que o desacougo, a violencia e o misterio mesturan o real co sobrenatural ata facelos indistinguibles.
Lara Dopazo Ruibal (Marín, 1985) é licenciada en Xornalismo e autora dunha sólida traxectoria literaria que inclúe títulos como Os lobos na casa de Esaú (2017), Claus e o alacrán (2018) e O axolote e outros contos de bestas e auga (Premio Illa Nova de Narrativa, 2020). Tamén traduciu ao galego a poeta Antonia Pozzi en Lume branco (2021).
Nesta mesma categoría foi seleccionada como finalista a novela Runrún, de Ana Varela. Na categoría de Investigación e Ciencias Sociais e Humanidades, foron destacadas finalistas as obras Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galega, de Xavier Castro, e Anos 80. Movida, Atlantismo, Vangardimo, Underground, de Fernando Fernández Rego.
Os Premios da Crítica de Galicia naceron coa vontade de recoñecer as achegas máis destacadas do ano nos diversos ámbitos da creación e da investigación cultural galega, consolidándose como un dos referentes máis prestixiosos do noso panorama literario.