José María Paz Gago

Categoría: Recensión

María das Batallas é a gran novela histórica da Coruña. Sobre a cidade galega existen excelentes novelas, escritas en español, como La Tribuna, de Emilia Pardo Bazán, ou La Cruz de San Andrés, do noso Premio Nobel Camilo José Cela, mais este libro de Alfredo Conde constitúe un espléndido e extraordinario relato en galego arredor dun dos feitos máis salientables da historia de Galicia e da Coruña: a defensa da cidade que protagonizaron as mulleres da Pescadería ante o ataque dos barcos ingleses comandados por Drake.

Escrita nun fermoso galego de leve ton arcaizante, que dá ao relato un fondo sabor historizante, María das Batallas é unha narración épica moderna, pois os heróes non son eiquí seres excepcionais procedentes da nobreza ou da aristocracia, senón que son xentes do común, mulleres sinxelas como Maior Fernández da Cámara e Pita, María Pita, e as súas compañeiras.

Alfredo Conde reconstrúe con rigor os feitos históricos, que vai ficcionalizando con acerto, de xeito que reconstrución histórica e pracer narrativo danse a mán nun texto apaixoante, no que o lector queda irremisiblemente atrapado.

O máis orixinal é a estructura narrativa da novela, contada dende tres puntos de vista: un narrador exterior, omnisciente, que conta os feitos sucedidos en maio de 1589 na Coruña, o asedio e defensa da cidade, cercada por 20.000 soldados ingleses. Alternativamente, escoitamos as voces de dous narradores internos, encarnados por dous personaxes, testemuñas privilexiadas da historia: unha filla de María Pita, que dá conta da misteriosa vida da heroína, e un primo de Sir Francis Drake o cal narrra a súa historia persoal dende o navío Defiance, onde está a piques de morrer o célebre mariño-pirata.

Temos, pois, o punto de vista dos defensores e o dos atacantes, xunto cunha visión máis obxectiva que describe con mestría as accións bélicas ou as escaramuzas corpo a corpo.

Mariño coma él, Alfredo Conde non puido deixar de evocar a figura de Joseph Conrad e as súas narracións marítimas, con voces plurais e persoais –o omnipresente Marlow– que, coma estes narradores internos de María das Batallas, saben dicir o que teñen que dicir e calar o que aínda non debe ser dito, para acender e manter a paixón irrefrenable do bo lector.

Comparte nas túas redes sociais ou por email