Iris de verduras

Categoría: Nova

Como contribución ao 'Cociñando ao pé da letra', Carmen Blanco fixo un prato de cores que vos deixamos aquí.

IRIS DE VERDURAS

Carmen Blanco

A Ramón Blanco García,
bo cociñeiro e gourmet.

Veño da verdura

Perduro no pracer

Abre o libro e come
saberache nos sentidos
pracerache nas entrañas

Nas festas de moitos días miña nai daba alegría aos nosos ollos cun manxar da súa invención que miña filla chamou prato de cores en canto o viu por primeira vez de nena. Non lembro que nai lle dese nome. Ela facía máis que dicía. E coa súa arte integral da vida facíanos felices. En miles de lugares se inspiraría como lectora incansable e muller aberta ás belezas e aos avances. Desde logo o prato conecta con tradicións da cociña internacional. E hoxe hai fragmentos del na máis alta arte da cociña hispánica. Eu, escribindo como nai cociña, noméoo agora iris de verduras, pero podería nomealo arco iris de verdura, arco da vella de verduras, arco de verduras, multicolor de verduras, A Vella das Verduras ou, con minimalismo de nova cociña total, iris, e non sería nunca o mesmo, porque cada nome prende un lume na mente. Naceu procurando saúde e pracer. Para que unhas criaturas gustasen das verduras e un home sorrise. Ao velo vén luz aos ollos, auga á boca e alento ao peito. E sempre é distinto. Porque admite infinitas variacións de cores e sabores. Mais é sinxelo. A base está nas patacas, como palabras, a súa masa boa. E a forma está nas verduras variadas, como verdades, a súa boa substancia. Con ciencia e arte. Saber e sabor. O bo do saber antigo e o bo do saber moderno potenciando o deleite. Desde o comezo da produción ata a fin do consumo. Procurando en cada tempo e lugar o benestar. Conseguindo o contento. A alegría de vivir que crea o bo corpo. Boa verdura. Verdade boa. Pataca da terra mellorada. Palabras mellores. Verduras e patacas orgánicas da cadea de produción e consumo biolóxico, ecolóxico, xusto e libre. Potenciando as mellores sementes dos lugares e mellorándoas coa intelixencia da ciencia sen fronteiras. Así se deseña o arco iris. So hai que cocer patacas e verduras. En tantas potas como colores se queiran. Miña nai facíao a diario con remolacha, cenoria e xudía. Nas festas, con lombarda. Doce e redondo repolo púrpura. Plenitude da beleza. Pasaba polo coador chino as distintas combinacións binarias coa pataca. Montañas de cores mate de fideos de puré de verduras recendían sólidas na fonte. Ao lado a salseira da maionesa. Logo nos pratos a mestura. A pintura. O cadro de cada quen. Xogabamos. E sabíanos. Eu fágoo con moita máis verdura que pataca e substitúo o coador chino manual polo batedor de man eléctrico. O resultado é máis fluído. Montóns móbiles de lava de cores brillantes de concentrado de verduras. Pódense obter todos os tons. Combinar con outras salsas. Comer sen salsa o puro mesto de verdura. Saborealo como gornición con compango. Ou acompañalo polas bebidas multicolores das augas de cocer as verduras. Todo o esplendor do iris. Vermellos remolachas. Laranxas cenorias. Amarelos cabazas. Verdes verzas nabizas grelos xudías acelgas espinacas coles brócolis. Azuis violetas lombardas. Marróns algas. Negros verduras do mar de Muxía. Brancos porros, coliflores. Iris de verduras. Ao gusto. A vida que vén. Para escribila vivo. Verde e violeta brillante. Ata o negro multicolor. O que a min máis me gusta. Rico repolo.

INGREDIENTES

Purés

Patacas
Espinacas
Cenorias
Remolacha
Lombarda
Auga
Sal
Todo a discreción

Salsa maionesa

Ovo
Aceite
Zume de limón
Sal
Todo a discreción

Comparte nas túas redes sociais ou por email