O escritor Francisco Castro presenta a súa nova novela, 'In vino veritas'. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes, director xeral de Galaxia, e polo músico Anxo Pintos.

A novela, que o autor de Spam califica de 'furiosa', desenvólvese no ambiente da burguesía cidadá, entre adegueiros e presentadores de televisión, e descobre para os lectores os ocultos círculos do sadomasoquismo. O detective Xulio Míguez serve ao autor para sacar á luz algunhas das corruptelas da sociedade contemporánea, na que os medios de comunicación e os intereses empresariais se mesturan cos baixos instintos.

Segundo Francisco Castro, In vino veritas é unha novela furiosa. Parodia de novela policial, deita unha ollada crítica sobre os medios de comunicación actuais e a parvura colectiva que o telelixo está a provocar nunha cidadanía durmida. Trátase dun texto acedo, no que o autor de Xeración perdida profunda no seu estilo tan característico que xa lle coñecemos doutras obras, intervindo na historia para reflexionar sobre a realidade e as súas miserias.

Xulio Míguez, detective sen vocación, recibe a encomenda de atopar un famoso adegueiro desaparecido nos ambientes do sadomasoquismo máis tétrico. Ao tempo que se desenvolve a intriga principal, a novela pescuda nos límites da convención social, eses que hai tempo que traspasaron as televisións, a clase política e a hipocrisía global. Por iso é unha novela furiosa.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, clique na ligazón para máis información. sobre as cookies

ACEPTAR