Inauguración da exposición "Galicia 25. Unha cultura para o novo século" en Santiago

Categoría: Nova

No acto de inauguración participarán Xosé A. Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago, Isaac Díaz Pardo, presidente do padroado do Museo do Pobo Galego, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Manuel García Miñaca, director territorial de Caixanova para Galicia Norte e os comisarios da exposición Henrique Monteagudo, Víctor F. Freixanes e Iago Seara.
A exposición, organizada polo Consello da Cultura Galega para conmemorar os seus 25 anos, e patrocinada por Caixanova implicou empregar máis de 2.000 referencias fotográficas, gráficos, ilustracións varias, e arredor de 25 producións de vídeo e recursos multimedia. Na mostra expóñense unha morea de obras de arte para ilustrar os diferentes módulos temáticos, maquetas de obras arquitectónicas, audicións musicais, etc. O deseñador é Xosé Díaz (Imagomundi), coa coordinación executiva de Gustavo Garrido e Xosé Manuel Lens, e a produción xeral correu a cargo de Merlín Comunicación S.L.
Estructurada baixo as denominacións "formas e espazos", "palabras, imaxes e sons" e "fíos e desafíos", a exposición consta de 25 módulos temáticos que contemplan unha visión plural e interdisciplinar da creación cultural: dende a literatura ao audiovisual, dende a creación plástica ao teatro, mais tamén a ciencia e o coñecemento, as aplicacións industriais, as industrias da comunicación, o lecer, o turismo, etc., intentando ofrecer unha panorámica moi aberta das realidades e das posibilidades da identidade cultural galega entrados xa no século XXI.
A exposición xa pasou por Vigo, Pontevedra e Ferrol, e ata o mes de agosto de 2009 percorrerá as sete cidades de Galicia, concluíndo a itinerancia na Coruña.

Comparte nas túas redes sociais ou por email